Notas de publicación de GNOME 2.32

1. Introdución

GNOME 2.32 é a última versión do Escritorio GNOME: un contorno de escritorio multiplataforma moi popular para o seu computador. GNOME está enfocado na sinxeleza de uso, estabilidade, internacionalización e na accesibilidade de primeira clase. GNOME é Software Libre e fornece todo un conxunto de ferramentas usuais que se espera encontrar nun computador moderno. O correo electrónico, traballo en grupo, navegación web, xestión de ficheiros, multimedia e xogos son uns exemplos. Así como tamén unha flexíbel e potente plataforma para os desenvolvedores de software, tanto de escritorio como para dispositivos móbiles.

Figura 1GNOME 2.32

O escritorio GNOME lánzase cada seis meses con moitas características novas, melloras, solucións a erros e traducións, GNOME 2.32 segue esta tradicón. para saber máis sobre GNOME e as cualidades que o distinguen de outros contornos de escritori (como a súa usabilidade, accesibilidade, internacionalización e liberdade) visite a páxina About GNOME no noso sitio web.

Únase a nós hoxe mesmo e vexa a diferenza que pode marcar.

GNOME 2.32 inclúe todas as melloras realizadas en GNOME 2.30 e as versións anteriores. Pode saber máis sobre os cambios realizados en GNOME 2.30 nas súas Notas de publicación.

2. Novidades para os usuarios

O Proxecto GNOME céntrase nos usuarios e a usabilidade continua mellorando en GNOME 2.32 mediante os centos de arranxos de erros e nas melloras solicitadas polos usuarios. O gran número de melloras fai imposíbel mostrar aquí cada un dos cambios feitos, porén estas notas tentan resaltar as características máis interesantes orientadas ao usuario.

GNOME 2.32 é a última versión principal da serie GNOME 2.X, polo que partires de agora só serán lanzadas versións de mantemento para o GNOME 2.x. GNOME 2.32 non ten unha sustanciábel cantidade de novas funcionalidades nos aplicativos xa que os desenvolvedores de GNOME continúan enfocando o seu traballo na preparación da vindeira versión GNOME 3.0 planexada para Abril do 2011.

2.1. Organice os seus contactos

O aplicativo de mensaxaría instantánea e comunicación de GNOME, Empathy, construído sobre o marco de traballo de comunicacións Telepathy, obtivo un gran número de novas e importantes características que axudan ao usuario a comunicarse e xestionar os seus contactos.

Empathy permítelle agrupar a información dos contactos de forma conxunta usando os metacontactos. Se un dos seus contactos usa varios servizos de mensaxaría instantánea agora pode ligalos de forma conxunta baixo o mesmo nome. Empathy tamén engadiu a posibilidade de encontrar de forma sinxela os seus contactos ao engadir a busca de contactos en vivo. Non ten máis que escribir na lista de contactos para buscar de forma rápida un contacto.

Empathy engadiu opcións para desactivar o rexistro, así como a desactivación da apertura automática das conversas entrantes. Empathy obtivo outras actualizacións para incluír a capacidade de configurar contas IRC usando o Asistente de contas, permitirlle aceptar certificados de servidores de forma manual, usar as iconas de estado desde o seu actual tema, obtivo melloras nas mensaxes dos erros de conexión e a habilidade de aceptar ou rexeitar eventos entrantes usando os botóns nas burbullas de notificación. Tamén pode ver información técnica sobre a súa chamada actual no panel de detalles do diálogo de son / vídeo e tamén reabrir un separador pechado usando «Desfacer» nunha xanela de conversa.

2.2. Melloras na compatibilidade de PDF

O visor de documentos Evince obtivo unha mellora na compatibilidade de accesibilidade mediante o uso da interface AtkText, que permite a Orca, o lector de pantalla de GNOME, ler documentos de Evince. O nivel de zoom máximo tamén foi incrementado ao ver un documento.

A compatibilidade de anotacións foi mellorada e agora pode engadir anotacións desde o panel lateral, no que pode cambiar as propiedades por omisión incluíndo o autor, a cor, a transparencia e moito máis.

Engadiuse a compatibilidade de SyncTex a Evince. SyncTex é un método que permite a sincronización entre un ficheiro de código fonte TeX e a saída PDF (ou DVI) resultante. Tamén se engadiu a compatibilidade de SyncTex en Evince como un novo complemento para gedit. Agora tamén é compatíbel coa busca cara atrás, desde Evince a gedit, e a Busca cara adiante, desde gedit a Evince.

2.3. Visualización de moitos máis ficheiros

GNOME 2.32 inclúe as últimas actualizacións de Nautilus, o xestor de ficheiros de GNOME. Nautilus engadiu un diálogo que lle axudará a xestionar os conflitos ao copiar e mover ficheiros. Agora Nautilus mostra as iconas transparentes para os ficheiros que cortou e vai pegar noutro cartafol.

Obtivo melloras na xestión dos ficheiros que eliminou e están no Lixo. Ao ver o cartafol do Lixo, hai un botón na barra de información que lle permite restaurar os ficheiros seleccionados. O cartafol de Lixo tamén mostrará a localización orixinal dos ficheiros eliminados e a data na que foron eliminados.

2.4. Pero agarde que isto non é todo...

Alén dos cambios máis importantes, tamén hai múltiples engadidos e axustes realizados como en cada nova versión de GNOME.

  • Ollo de GNOME, o visor de imaxes de GNOME, permítelle seleccionar unha cor de fondo de forma manual para mellorar o contraste da imaxe.
  • Totem, o reprodutor de filmes de GNOME, agora realiza o desinterliñado automático dos filmes ou dos fluxos que foron filmados con interliñado. Agora Totem ten unha lista de reprodución mellorada, polo aparecerá de forma máis rápida e responderá de mellor forma ao cargar as listas de reprodución.
  • Agora as Ferramentas do sistema de GNOME permítenlle aos usuarios cambiar o propietario dun ficheiro se foi movido ao seu cartafol persoal e xa está presente.

3. Novidades na accesibilidade.

GNOME ten unha profunda pasión en facer o software dispoñíbel para todo o mundo, incluíndo usuarios e desenvolvemento con deficiencias que poidan facer máis difícil o uso dos seus computadores. Para axudarlles, GNOME creou o Proxecto de accesibilidade de GNOME e creou un marco de traballo de accesibilidade que agora é un estándar no Software Libre.

GNOME 2.32 continúa construíndose en base ás súas credenciais de accesibilidade anteriores con moitas novas melloras.

3.1. Mousetweaks

Mousetweaks fai máis sinxelo o uso do rato para aqueles usuarios que teñen unha mobilidade reducida. Usando Mousetweaks vostede pode usar o botón esquerdo do rato tanto para facer clic co botón dereito como co esquerdo. Por exemplo, pode abrir un menú premendo e mantendo o botón esquerdo do rato. Mousetweaks tamén lle axuda a facer máis sinxelo facer clic esquerdo, facer dobre clic, arrastrar e facer clic dereito para aqueles que non poden manexar os botóns con facilidade

Anovouse a documentación de Mousetweaks así como as páxinas «man» para que os usuarios poidan ver todas as opcións que ten dispoñíbeis e ver como se supón que funcionan as cousas.

Para os desenvolvedores, Mousetweaks xa non depende do marco de traballo AT-SPI ou dbus-glib e o daemon de pulsacións en espera foi migrado a GDBus. Mousetweks xa non usa as chaves de gconf polo que agora pode ser compilado con -DGSEAL_ENABLED que require GTK 2.28 e superior.

4. Novidades para os desenvolvedores

Hai unha serie de cambios que teñen vital importancia para os desenvolvedores que empreguen a plataforma de desenvolvemento GNOME 2.32. Se non está interesado nos cambios para desenvolvedores pode ir directamente a Sección 5 ― Internacionalización

Así como o Escritorio GNOME, GNOME 2.32 é a última versión da Plataforma de desenvolvemento de GNOME, un conxunto de bibliotecas API e ABI estábeis baixo a licenza LGPL de GNU que poden usarse para o desenvolvemento de aplicativos multiplataforma.

Arranxo no uso de bibliotecas obsoletas

A partires do GNOME 3.0 eliminaranse varios compoñentes de GNOME. Estes compoñentes obsoletos inclúen bibliotecas como libart_lgl, libbonobo, libbonoboui, libglade, libgnome, libgnomecanvas, libgnomeprint, libgnomeprintui, libgnomeui, e libgnomevfs. Para os aplicativos que se inclúen como parte do Escritorio GNOME levaronse a cabo un gran número de tarefas de limpeza para asegurarse de non se usa ningún código obsoleto. Isto asegurará unha transición limpa e suave a GNOME 3.0.

Úrxese aos desenvolvedores para que se siga este exemplo nos seus propios aplicativos. Aínda máis, para calquera desenvolvedor (ou potencial desenvolvedor) que queira axudar, a páxina da wiki GNOME goals mostra múltiples tarefas que non aínda faltan por completar. En aquí pode encontrar unha vista xeral do traballo pendente, creada e actualizada automaticamente, para os módulos que son compatíbeis coa ferramenta de construción jhbuild,

4.1. Glib 2.26

Glib 2.26 inclúe compatibilidade con GSettings, o reemprazo de GConf así como de GDBus. Está dispoñíbel unha nova API de tratamento de data e hora en GDateTime. Glib tamén inclúe nova compatibilidade para dtrace e os marcadores estáticos de systemtap. Os «bindings» de propiedades de GObject, como libexo, e a compatibilidade de proxy para GSocket. Tamén foron incluídas melloras en novas macros de conveniencia para implementar «boxe» e tipos de punteiros en G_DEFINE_[BOXED|POINTER]_TYPE e por último, unha nova función g_object_notify_by_pspec que é moito máis rápida que g_object_notify.

4.2. Anjuta

Anovouse con novas funcionalidades, Anjuta, o estudo de desenvolvemento de software e tamén IDE entre cuxas características inclúe xestión de proxectos, depurador interactivo, editor de fontes, unha deseñador de interfaces de usuario para control de versións e moito máis.

Agora Python e Vala están integrados completamente en Anjuta, incluíndo os «calltips» e o autocompletado (grazas á tecnoloxía «IntelliSense»).

O depurador de Anjuta agora é compatíbel con «pretty-printing». Ao depurar, os obxectos coñecidos móstranse de forma amigábel, como poden ser os GObject e as clases de C++. Por último, a Base de datos de Símbolos obtivo unha importante mellora de rendemento.

4.3. Actualizacións misceláneas para desenvolvedores

Tamén se fixeron diversas anovacións na plataforma de desenvolvemento de GNOME 2.32, entre as cales está a inclusión de libfolks, unha biblioteca para a integración da funcionalidade de metacontactos de Empathy. Agora en Devhelp é posíbel desactivar libros específicos. Anovouse a folla de ruta de GTK+ e GTK+ 2.22 engadiu compatibilidade para as últimas funcións de acceso necesarias para que os desenvolvedores preparen os seus aplicativos para GTK+ 3.0.

5. Internacionalización

Grazas aos membros do Proxecto de tradución de GNOME mundial, GNOME 2.32 fornece asistencia para máis de 50 idiomas, entre eles o Galego, con cando menos o 80% das cadeas traducidas, incluíndo os manuais de administración e usuario para algúns dos idiomas.

Idiomas con asistencia:

  • Alemán
  • Asamés
  • Asturiano
  • Árabe
  • Bengalí
  • Bengalí (India)
  • Bokmål Noruego
  • Búlgaro
  • Castelán
  • Catalán
  • Checo
  • Chinés (China)
  • Chinés (Hong Kong)
  • Chinés (Taiwán)
  • Coreano
  • Danés
  • Esloveno
  • Estoniano
  • Finés
  • Francés
  • Galego
  • Grego
  • Guxarati
  • Hebreo
  • Hindi
  • Holandés
  • Húngaro
  • Indonesio
  • Inglés (Estados Unidos, Inglaterra)
  • Italiano
  • Kannada
  • Letón
  • Lituano
  • Malaialam
  • Maratí
  • Orixa
  • Polaco
  • Portugués
  • Portugués do Brasil
  • Punjabi
  • Romanés
  • Ruso
  • Serbio
  • Sueco
  • Tailandés
  • Tamil
  • Telugu
  • Turco
  • Ucraíno
  • Vasco
  • Vietnamita
  • Xaponés

Moitos outros idiomas teñen asistencia parcial, con máis da metade das súas frases traducidas.

Traducir un paquete de software tan grande como GNOME a un novo idioma pode ser unha tarefa moi complicada, incluso para o equipo de tradución máis motivado. Para esta publicación, desexamos darlle unha especial mención ao equipo de Indonesia que alcanzou o estado de asistencia total de idioma (subindo do 60% ao 91%), así como tamén ao equipo do Esperanto, o cal incrementou a completitude da súa tradución en máis de 10 puntos (actualmente conta co 23% traducido). Ademais outros equipos tamén merecen a nosa atención, como o Kazakh, Indonesio e o Uighur.

Pode acceder a estatísticas máis detalladas e moita máis información desde a páxina web do estado das traducións de GNOME.

6. Instalando GNOME

Para instalar ou anovar a súa computadora a GNOME 2.32 recomendámoslle instalar os paquetes oficiais do seu fornecedor ou da súa distribución. As distribucións máis populares terán dispoñíbel GNOME 2.32 moi pronto e aínda que algunhas delas xa conta con versións de desenvolvemento de GNOME 2.32. Pode obter unha lista das distribucións que inclúen GNOME e descubrir as últimas versións que inclúen na nosa páxina Get Footware

Se vostede é valente e paciente e desexa construír GNOME desde o código fonte recomendámoslle usar JHBuild, o cal está deseñado para construír o último GNOME desde o repositorio Git. Pode usar JHBuild para construír GNOME 2.32.x usando o conxunto de módulo gnome-2.32.

Tameń é posíbel construír GNOME diretamente desde os tarballs da versión, recomendámoslle usar JHBuild.

7. Camiño cara a versión GNOME 3.0

O desenvolvemento non se deteu con GNOME 2.32. O traballo xa comezou en GNOME 3.0 xa que será lanzado o próximo Abril, exactamente seis meses despois da 2.32.

GNOME 3.0 continuará fornecendo a plataforma de escritorio e os aplicativos que xa contén e ademais contará con unha nova interface de usuario, GNOME Shell. GNOME 3.0 tamén incluirá novas características e melloras na accesibilidade do escritorio, terá unha nova axuda para o usuario e documentación, o primeiro e novo servizo web de GNOME, Tomboy Online, e moitas máis novidades. Para os desenvolvedores, GNOME 2.30 fai obsoletas diversas bibliotecas antigas.

A folla de ruta de GNOME mostra os plans dos desenvolvedores para o seguinte ciclo de publicación, o calendario de publicación de GNOME 3.0 está dispoñíbel desde comezos de este ano e está dispoñíbel no wiki de GNOME.

GNOME3.org será publicado moi pronto e contará con vídeos, capturas de pantalla e información sobre as novas características de GNOME 3.0, aplicativos e moito máis. Consulte a páxina web GNOME.org para obter máis información moi pronto.

8. Créditos

Estas notas de publicación foron recompiladas por Paul Cutler coa incríbel axuda da comunidade de GNOME. Grazas a Sean Wilson polas capturas de pantalla do escritorio do GNOME 2.32. En nome da comunidade, dámoslle moitas grazas aos desenvolvedores e colaboradores que fixeron posíbel este novo lanzamento de GNOME.

Este traballo pode ser traducido de forma libre para calquera idioma. Se desexa traducilo ao seu idioma contacte co Proxecto de tradución de GNOME. As notas de publicación de GNOME están liberadas baixo a Creative Commons CompartirIgual 3.0.