Preferencias do sistema

GNOME 3.6 chega con moitos cambios nas Preferencias do sistema, incluíndo melloras na interface principal así como nos paneis de preferencias individuais.

A interface principal de Preferencias do sistema recibiu moita atención. Agora inclúe iconas máis grandes e unha disposición mellorada. Todas as iconas móstranse onde sexa posíbel, sen ter que facer desprazamento co rato, e o tamaño da xanela axústase automaticamente para que se vexa mellor en pantallas pequenas. Os resultados das buscas tamén se mostran dunha forma máis bonita.

Fondo

Ollamos como calquera persoa seleccionaría un fondo de pantalla en 3.4, e démonos de conta dunha serie de problemas. É moi doado cambiar o fondo actual de forma accidental, mentres que seleccionar un novo fondo é moi difícil.

En 3.6, mostramos o fondo actual como unha miniatura grande. Ao premer pode seleccionar de forma doada tanto un fondo, unha das súas imaxes ou un cor de fondo. Para facer a súa elección máis doada, fixemos as previsualizacións máis grandes.

Tamén renovamos o fondo de pantalla predeterminado en 3.6, e actualizamos a selección dos fondos alternativos para incluír novas imaxes. Tamén se mellorou a acción de estabelecer un cor simple como fondo e conta con novos conxuntos de cores.

Suxestión

Ficheiros e o Visor de imaxes permítelle seleccionar calquera imaxe como fondo de escritorio. Ademais, pode arrastrar unha nova imaxe á xanela Fondo.

Rato e área táctil

GNOME 3.6 inclúe un panel de preferencias Rato e área táctil renovado. O vello panel foi revisado para fornecer un conxunto de opcións que son máis doadas de entender. Tamén conta con unha nova zona de probas que lle permite probar as preferencias do desprazamento co rato, algo que non era posíbel anteriormente.

Se usa a área táctil, a nova preferencia O contexto segue os dedos permítelle arrastrar contido como se estivera nun anaco físico de papel. Esta característica tamén se coñece como «Desprazamento natural» ou «Desprazamento inverso»

Contas en liña

Iniciar sesións en Contas en liña fíxose máis doado xa que as páxinas de inicio agora poden aparecer no seu idioma. Tamén tentamos mostrar a versión móbil para as páxinas de inicio xa que fai máis rápido e doado o uso das mesmas.

Tamén engadimos varios tipos novos en Contas en liña:

  • Facebook: agora está activado por defecto. Poderá conversar cos seus amigos de Facebook mediante a súa conta de Facebook.

  • Microsoft Exchange: engadimos compatibilidade con Exchange mediante Exchange Web Services (EWS). Evolution continúa permitindo a configuración de EWS desde o seu panel de preferencias polo que pode executalo en calquera outro contorno.

  • Windows Live: isto foi mellorado para incluír compatibilidade con SkyDrive o que lle permite acceder aos documentos en SkyDrive mediante Documentos como xa viña facéndoo coa súa conta de Google.

Son

O panel Son fíxose máis doado de usar eliminando a lapela Hardware. No seu lugar, a lista de dispositivos nas lapelas Entrada e Saída ofrece seleccións máis granulares. Esta mellora depende de Pulseaudio 2.0.

Acceso universal

As preferencias de Acceso universal foron redeseñadas para facelas máis coherentes e máis doadas de usar. Todas as seccións seguen a mesma disposición. O diálogo de opcións de zoom foi redeseñado para incluír novas preferencias de brillo, contraste, inversión e escala de grises. Ten dispoñíbel información detallada destas novas preferencias.

Contas de usuario

Unha nova característica importante en GNOME 3.6 é a inclusión do Inicio de sesión empresarial (tamén chamados inicio de sesión con Directorio Activo ou Kerberos). Isto permítelle usar GNOME en contornos corporativos e xestionados de forma centralizada dunha forma máis integrada. Os usuarios poden unir o seu computador a unha rede empresarial e usar o seu nome de usuario e contrasinal empresarial para iniciar a sesión en GNOME.

Rede

O panel de preferencias de rede foi mellorado para facer máis doado seleccionar conexións de redes sen fíos. Unha nova lista fornece acceso a todas as redes sen fíos dispoñíbeis ou gardadas. Pode inspeccionar e esquecer puntos de acceso, sen importar se están actualmente no seu rango ou non.

Impresoras

O diálogo Engadir nova impresora foi moi mellorado. Permítelle engadir directamente impresoras conectadas así como impresoras descubertas nunha rede. Tamén pode escribir directamente o enderezo de rede da impresora.

Agora é posíbel seleccionar un controlador diferente (ou ficheiro ppd) para unha impresora, premendo no campo Modelo. O botón Opcións permítelle modificar os valores predeterminados para algunhas das opcións da impresora que doutro xeito están dispoñíbeis no diálogo de impresión.